Inicio
XV Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións PDF Print E-mail


A Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións (SGAPEIO) celebrará en Santiago de Compostela, do 4 ao 6 de novembro de 2021, o XV Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, continuando coa liña de celebrar congresos bienais e de rotación entre as universidades galegas. A organización deste congreso foi encargada ao Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da Universidade de Santiago de Compostela, constituíndose un Comité Organizador formado por profesorado do departamento e outros profesionais da Estatística.

É a terceira ocasión en que a SGAPEIO celebra en Santiago de Compostela o seu congreso bienal, despois de que nos anos 1999 e 2007 tivesen lugar nesta mesma cidade o IV e o VII Congreso, que tiveron un notable éxito de asistencia.

Coma en edicións anteriores, a finalidade deste XV Congreso é dar a coñecer innovacións na metodoloxía, nas aplicacións, e no ensino, da Estatística e a Investigación de Operacións, en todos os eidos do coñecemento científico e tecnolóxico. Con tales fins, entre os distintos actos incluiranse conferencias, mesas redondas, obradoiros e sesións de comunicacións orais e tipo póster.

Tendo en conta a situación sanitaria motivada pola pandemia da COVID-19, as actividades do congreso cumprirán todas as medidas necesarias para garantir a seguridade das persoas participantes no congreso. Por este motivo, contémplase a posibilidade de que algunhas sesións se realicen de maneira telemática, mentres que as sesións que podan realizarse de maneira presencial respectarán as restricións de aforo e outras medidas preventivas. As actividades culturais, que esperamos poder celebrar, tamén estarán suxeitas a estas restricións.

O XV Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións conta coa colaboración da Vicerreitoría de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela. A devandita entidade certificará todas as actividades realizadas durante o congreso. Destacar que esta certificación servirá, para fins curriculares, ao persoal docente de ensino medio.

 
GalegoEspañol


Powered by Joomla!. Designed by: joomla templates web hosting Valid XHTML and CSS. Adaptado por MJ Ginzo-Villamayor