Con motivo do XV Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións está programado un curso, que se impartirá online en datas previas ao congreso (do 27 de setembro ao 6 de novembro), e finalizará cunha sesión presencial que terá lugar o sábado 6 de novembro durante o congreso.
O obxectivo principal deste curso é que as/os participantes descubran e se familiaricen con diversas
ferramentas TIC con múltiples usos no eido da docencia da Estatística.
O curso consta dun total de 35 horas de duración, das cales 32 realizaranse de xeito telemático asíncrono
e 3 horas impartiranse de xeito presencial durante as datas de celebración do XV Congreso Sgapeio (se
as condicións sanitarias non permitisen a realización presencial desta sesión, prevese organizar a mesma
de xeito telemático síncrono).
O comezo do curso será o 13 de setembro, dende ese día e con periodicidade semanal, farase dispoñible na
aula virtual do curso o material de cada un dos bloques. As/os participantes disporán de apuntamentos e presentacións
que os guiarán na súa aprendizaxe. Ao final dos mesmos detallarase unha tarefa a realizar e entregar
na data establecida (aproximadamente prevese unha tarefa por semana correspondente a cada un dos
módulos).
As/os participantes que queiran obter o diploma de superación do curso, deberán de realizar correctamente
o 85 % das tarefas solicitadas e asistir ademais á sesión final a realizar durante o XV Congreso Sgapeio.
| Dra. Mª Isabel BORRAJO GARCÍA Dpto. de Estatística, Análise Matemática e Optimización, Universidade de Santiago de Compostela. |
María Isabel Borrajo (Narón, 1989) é Profesora Axudante Doutora no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización (USC) dende setembro de 2019. Obtivo o seu doutoramento en Matemáticas en febreiro de 2018, coa tese titulada "Nonparametric inference on point processes with covariates", baixo a dirección dos Prof. Dres. Wenceslao González-Manteiga (USC) e María Dolores Martínez Miranda (U. de Granada). Foi Profesora Interina de Substitución no Departamento de Estatística da Universidade de Oviedo durante o curso 2017/2018. Dende setembro de 2018 foi investigadora posdoutoral na Universidade de Lancaster (Reino Unido) ata voltar á USC en 2019. Durante todo este período de actividade docente e investigadora, impartiu cursos de Estatística con R en diversos eidos, por exemplo o curso “Simulación y remuestreo” organizado polo Citius (USC) e cursos de Estatística como “Análise Descritiva e Inferencia Nonparamétrica” organizado pola Escola de Doutoramento Internacional da USC. |
| Dra. Mercedes CONDE AMBOAGE Dpto. de Estatística, Análise Matemática e Optimización, Universidade de Santiago de Compostela. |
Mercedes Conde Amboage (Arzúa, 1988) é Profesora Axudante Doutora no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización (USC) dende setembro de 2019. Obtivo o seu doutoramento en Matemáticas en abril de 2017, coa tese titulada "Statistical Inference in Quantile Regression Models", baixo a dirección dos Prof. Dres. Wenceslao González-Manteiga (USC) e César A. Sánchez Sellero (USC). Foi Profesora Interina de Substitución na USC ao longo dos cursos 2017/2018 e 2018/2019. Posteriormente, traballou como investigadora posdoutoral na Katholieke Universiteit te Leuven (KU Leuven, Bélxica) financiada cunha bolsa da Xunta de Galicia. Durante todo este período de actividade docente e investigadora, impartiu cursos de formación de Estatística en diversos eidos, por exemplo o “Introdución á Estatística con R” organizado a través do PFID da USC, o “Introdución a R, estatística e visualización” organizado pola Escola de Doutoramento Internacional da USC. |
| Dona Mª José Ginzo Villamayor Dpto. de Estatística, Análise Matemática e Optimización, Universidade de Santiago de Compostela. |
Mª José Ginzo (A Pontenova, 1978), é Investigadora Contratada no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización (USC) dende o ano 2008. Licenciada en Matemáticas con especialidade en Estatística e Investigación Operativa, pola USC, cursou un posgrao en Estatística na Universidade de Porto (Portugal), o mestrado interuniversitario en Técnicas Estatísticas (USC) e actualmente está realizando a súa tese de doutoramento, “Técnicas estatísticas en xeolingüística. Modelización onomástica” baixo a supervisión da Dra. Rosa Mª Crujeiras Casais. Traballa como Técnico Sénior de Consulting no Servizo de Consultaría Estatística do Departamento Estatística, Análise Matemática e Optimización (USC). Ten impartido docencia en actividades formativas na USC a diferentes grupos de investigación así como de doutoramento no Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Avanzados ou no Seminario de Formación e Innovación para estudantes de Mestrado da Facultade de Filoloxía (SEFORIN) e en entidades públicas e privadas como AGACA, Arcelor, Consello de Contas de Galicia, Misión Biológica de Galicia (CSIC), Tecnocom, entre outros. |