Inicio Mesas Redondas Mesa redonda I
Mesa redonda I PDF Print E-mail


O IMPACTO DA COVID19 DENDE DIFERENTES PERSPECTIVAS
5 de novembro de 2021

A Organización Mundial da Saúde (OMS), o 11 de marzo de 2020, declarou pandemia internacional á situación de emerxencia de saúde pública provocada polo COVID-19, enfermidade causada polo coronavirus SARS- CoV-2, que xurdiu en China a finais de decembro do ano previo. Unha gran cantidade de países sufriron consecuencias inmediatas debido á rápida propagación da enfermidade, entre eles España, que decretou o 14 de marzo de 2020 o estado de alarma. A este feito, sucedéronlle unha serie de medidas restritivas co obxectivo de refrear o avance da enfermidade, como o confinamento domiciliario. Tendo en conta esta situación, o obxectivo desta mesa redonda é avaliar o impacto que supuxo na sociedade o avance da COVID-19 desde diferentes perspectivas como a epidemioloxía, a estatística, a demografía ou a economía. Para isto na mesa participarán expertos que traballaron activamente na avaliación do impacto da COVID-19 nas súas áreas de coñecemento.
Moderadora:

 

  • Dra. Rosa Mª CRUJEIRAS CASAIS, Dpto. de Estatística, Análise Matemática e Optimización, Universidade de Santiago de Compostela.

 

Participantes:

  • Dr. Alberto RUANO RAVIÑA, Dpto. de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Universidade de Santiago de Compostela.
  • Dr. Ricardo CAO ABAD, Dpto. de Matemáticas, Universidade de A Coruña
  • Don José Antonio CAMPO ANDIÓN, Director do Instituto Galego de Estatística
  • Dr. Diego RAMIRO FARIÑAS, Investigador Científico do Consello Superior de Investigacións Científicas, Director do Instituto de Economía, Xeografía e Demografía do CSIC.

 

Dra. Rosa Mª CRUJEIRAS CASAIS
Dpto. de Estatística, Análise Matemática e Optimización, Universidade de Santiago de Compostela.

Profesora da Área de Estatística e Investigación Operativa na Universidade de Santiago de Compostela. Desenvolve a súa investigación no ámbito da estatística non paramétrica, con contribucións no modelado de procesos espaciais e no estudo de datos circulares e direccionais. Autora de numerosas publicación en revistas de impacto, colabora con persoal investigador de áreas como a ecoloxía, a enxeñaría, a lingüística ou o medio ambiente. É editora asociada do Journal of Nonparametric Statistics e membro de diversos comités de avaliación no ámbito da investigación. Imparte docencia de Mestrado Interuniversitario en Técnicas Estatísticas e é coordinadora do Programa Interuniversitario de Doutoramento en Estatística e Investigación Operativa. Como tantos outros colegas, contribuíu á iniciativa liderada por CEMAT, Acción Matemática contra el Coronavirus, liderando o grupo de traballo internacional e participando como representante da SEIO no COVID-WG de FENStatS.

Dr. Alberto RUANO RAVIÑA
Dpto. de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Universidade de Santiago de Compostela.

Profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago. Publicou máis de 230 artigos en revistas indexadas, a metade deles en revistas do primeiro cuartil. Dirixiu máis de 11 proxectos competitivos. A súa liña de investigación principal é a epidemioloxía de enfermedades crónicas e avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios. Realizou estancias en Harvard School of Public Health e Brown School of Public Health. Foi becario Fulbright (investigadores senior) do Departamento de Estado-EEEUU-Ministerio de Educación. Recibiu 10 premios de investigación por artigos científicos.

Dr. Ricardo CAO ABAD
Dpto. de Matemáticas, Universidade de A Coruña.

Profesor de Estatística e Investigación de Operacións da Universidade da Coruña desde 1991. As súas liñas de investigación abranguen a Estatística non paramétrica, o bootstrap, a análise de supervivencia, a análise de datos funcionais, a análise estatística de datos de gran volume (big data), a análise de datos dependentes, a verosimilitude empírica e a modelización estatística en ciencias dos materiais, en risco de crédito, en xenómica, e neurociencia e en malherboloxía. Na actualidade é Editor Xefe da revista Journal of Nonparametric Statistics e Editor Asociado das revistas TEST e Computational Statistics. A súa docencia céntrase no Mestrado Internuiversitario de Técnicas Estatísticas, coorganizado polas tres universidades galegas, así como no Mestrado Universitario de Bioinformática para as Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña e no Grao de Ciencia e Enxeñaría de Datos da Universidade da Coruña. Desde marzo de 2020 é o presidente do comité de expertos da Acción Matemática contra o Coronavirus creado polo Comité Español de Matemáticas (CEMat).

Don José Antonio CAMPO ANDIÓN
Director do Instituto Galego de Estatística.

Naceu en Castro de Rei (Lugo) en 1950. É licenciado en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), profesor numerario de Escolas de Mestría e pertence ao Corpo Superior de Estatísticos do Estado. Foi profesor numerario de Matemáticas no IFP de Vilagarcía de Arousa (1980-1981) e tamén no IPN “Monte de Conxo” de Santiago de Compostela (1981-1987) e profesor asociado na Escola Universitaria de Empresariais de Ourense (1988-1990). Exerceu tamén como delegado do Instituto Nacional de Estatística (INE) en Ourense (1987-1990) e en Asturias (1991). Dirixiu o Instituto Galego de Estatística entre 1991 e 2005, para logo exercer como xefe de área do INE de Estatísticas de Transporte (setembro - novembro 2005). Foi tamén asesor do Partido Popular (2005-2009) e profesor asociado na Escola Universitaria de Empresariais da Coruña (2009). Desde 2009 exerce de novo como director do IGE.

Dr. Diego RAMIRO FARIÑAS
Investigador Científico do Consello Superior de Investigacións Científicas, Director do Instituto de Economía, Xeografía e Demografía do CSIC.

Demógrafo, Investigador Científico do Consello Superior de Investigacións Científicas, Director do Instituto de Economía, Xeografía e Demografía do CSIC. Desde 2012 é Membro do comité directivo de Population Europe, a rede de centros de excelencia en investigación demográfica en Europa. Ademais, desde 2020 é Presidente da European Society of Historical Demography. Na actualidade é membro da Comisión Científica sobre COVID19 no CSIC coordinando as temáticas de prevención e impacto na Plataforma de Saúde Global do CSIC. Dirixiu 8 teses de doutoramento e foi investigador principal ou parte do equipo de investigación de máis de 50 proxectos de I+D tanto nacionais como internacionais. As súas principais liñas de investigación e publicacións están relacionadas co estudo da mortalidade, a análise demográfica e o desenvolvemento de estudos de carácter lonxitudinal. Foi profesor visitante de varias universidades Europeas, Norteamericanas e Asiáticas.

 
GalegoEspañol


Powered by Joomla!. Designed by: joomla templates web hosting Valid XHTML and CSS. Adaptado por MJ Ginzo-Villamayor