Obradoiros Print

Durante o XV Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións están programados os seguintes obradoiros:

  • Sentido estatístico e actividades para o seu desenvolvemento
  • Ferramentas en R para a resolución de problemas de Investigación de Operacións
Sentido estatístico e actividades para o seu desenvolvemento

Hoxe en día o cidadán enfróntase a unha gran variedade de información estatística sobre temas do seu interese, con frecuencia ligada á toma de decisións. É importante que a escola facilite o desenvolvemento do sentido estatístico, entendido como unión da cultura e o razoamento estatístico, xunto cunhas actitudes adecuadas. Nesta presentación analízanse as ideas estatísticas cuxo coñecemento se require en múltiples situacións cotiás e os compoñentes do razoamento estatístico. Seguidamente móstranse exemplos de proxectos e actividades que poden promover o sentido estatístico e son adecuados para o ensino secundario e Bacharelato.

 

DOCENTES

Carmen Batanero Bernabeu
Departamento de Didáctica de la Matemática, Universidad de Granada.

Carmen Batanero foi Catedrática de Didáctica da matemática na Universidade de Granada, España, e actualmente é profesora colaboradora extraordinaria do devandito departamento. Anteriormente foi profesora Titular de Estatística e Investigación Operativa na Universidade de Granada e traballou durante 7 anos como analista de sistemas e estatística para a Dirección General de Carreteras en Madrid.

A súa liña de investigación é a Didáctica da Estatística e Probabilidade, tema no que dirixiu 10 proxectos de investigación financiados e 23 teses de doutoramento. Publicou libros en Springer e Sense Publisher e artigos de investigación nas principais revistas de Didáctica da Matemática.

Foi Presidenta de IASE International Association for Statistical Education) e membro do Comité Executivo do ICMI (International Commission on Mathematical Instruction). Presidiu o comité científico da IASE Roundtable Conference on Training Researchers in the Use of Statistics (Tokio, 2000), do Seventh International Conference on Teaching Statistics (Salvador de Bahia, Brasil, 2006) e do Joint ICMI / IASE Study on Teaching Statistics in School Mathematics (Monterrey, México, 2008). Colaborou na organización de grupos de traballo sobre Didáctica da Estatística en diferentes congresos internacionais. Foi nomeada membro honorario da IASE en 2006.

Foi editora, editora asociada e membro do panel editorial en revistas como Statistics Education Research Journal, International Electronic Journal of Mathematics Education, Avances de Investigación en Educación Matemática, Journal for Research in Mathematics Education e Educational Studies in Mathematics. As súas principais publicacións, así como a maioría das teses que dirixiu están dispoñibles na páxina web do Grupo de Investigación en Educación Estatística da Universidade de Granada: http://www.ugr.es/ batanero/.

José Antonio Garzón Guerrero
Departamento de Didáctica de la Matemática, Universidad de Granada.

Doutor en Física e profesor do Departamento de Didáctica da Matemática da Universidade de Granada. Actualmente, desenvolve o seu traballo de investigación nas liñas de Cultura Estatística, con gráficos estatísticos en particular, e Ludificación Matemática. Conta con máis dunha decena de publicacións na área de educación e máis dunha vintena de achegas a congresos, á parte de varias estancias docentes no estranxeiro. Participou en máis de seis proxectos de investigación de ámbito nacional e outros tantos rexionais. Máis de vinte anos de experiencia docente no ámbito universitario en graos científico-técnicos e en didáctica das matemáticas, ademais de materias de Máster en educación. Participou en máis de cinco proxectos de innovación docente para sinaturas de física e matemáticas. Posúe máis de vinte anos de experiencia en divulgación científica a través de asociacións, proxectos e programas radiofónicos.

Ferramentas en R para a resolución de problemas de Investigación de Operacións

Aínda que moitos dos problemas existentes no eido da Investigación de Operacións se modelen de forma natural e sinxela, é posible que a obtención das súas solucións con lapis e papel non sexa sempre doada. Entre outros, podemos destacar o caso da resolución de problemas de programación lineal, do cómputo de solucións específicas da teoría dos xogos cooperativos, da análise de problemas de inventario, ou da xestión de proxectos. Nestes contextos, o uso de ferramentas informáticas pode ser realmente útil. Neste taller abordarase o manexo dalgunhas das existentes no software R para a resolución de problemas coma os mencionados.

 

DOCENTE

Alejandro Saavedra Nieves
Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización, Universidade de Santiago de Compostela.

Alejandro Saavedra-Nieves (Santiago de Compostela, 1990) é doutor en Estatística e Investigación Operativa desde marzo do 2019, coa tese titulada "Contributions in Cooperative Game Theory and Applications", baixo a dirección dos profesores M. Gloria Fiestras-Janeiro (UVigo) e Ignacio García-Jurado (UDC). Foi Profesor Interino na Universidades de Vigo (curso 2019/2020) e Universidade de Santiago de Compostela (curso 2020/2021). Ten máis dunha ducia de artigos abordando diferentes problemas da Investigación de Operacións, máis concretamente, da Teoría dos Xogos Cooperativos e os problemas computacionais asociados á obtención de solucións neste campo.