Mesa redonda II Print


MESA REDONDA ESTATÍSTICA E IO NOUTROS MUNDOS
6 de novembro de 2021

Ninguén dubida do rol fundamental da estatística na sociedade actual. A gran profusión de datos que se xeran na era das tecnoloxías da información e da comunicación, fan imprescindible o coñecemento e o manexo desta ciencia.
Ademais de pola súa vertente intelectual, a estatística goza dun gran recoñecemento como ciencia aplicada, e é ben coñecido que se emprega en diversos campos tales como a economía, nas ciencias sociais ou mesmo na física cuántica. Porén ten outros ámbitos de aplicación menos coñecidos aos que nos queremos achegar dende esta mesa redonda. Nela trataremos de expor como está presente, no mundo dos deportes, no campo da xenética, ou mesmo na filoloxía sen olvidar a Investigación de Operacións aplicada a mellora da loxística no ámbito agrario.
Moderadora:

  • Profa. MILAGROS DIÉGUEZ TABOADA, IES de Milladoiro, Xunta de Galicia.

Participantes:

  • Dr. Carlos AMIAMA ARES, Dpto. de Producción vexetal e proxectos de enxeñería, Universidade de Santiago de Compostela
  • Dr. Ángel CARRACEDO ÁLVAREZ, Dpto. de Ciencias Forenses, Anatomía Patolóxica, Xinecoloxía e Obstetricia e Pediatría, Universidade de Santiago de Compostela.
  • Don Jesús LAGOS MILLA, ORANGE
  • Dr. José Ramón PICHEL CAMPOS, IMAXIN.

Profa. MILAGROS DIÉGUEZ TABOADA,
IES de Milladoiro, Xunta de Galicia.

Milagros Diéguez Taboada é licenciada en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela. Tras varios anos desenvolvendo o seu traballo como profesora de Matemáticas de Educación Secundaria e Bacharelato na Comunidade de Castela e León volve a Galicia, tendo actualmente o seu destino no IES do Milladoiro.
Titorizou varios traballos de investigación para o concurso da Incubadora de Sondaxes e Experimentos organizado pola Sgapeio que foron premiados tanto nás fases locais coma estatais.

Dr. Carlos AMIAMA ARES, Dpto. de Producción vegetal y proyectos de ingeniería, Universidade de Santiago de Compostela.

A súa traxectoria profesional caracterízase por unha inmediata incorporación ao exercicio profesional nas funcións de Director de Proxecto, unha vez finalizados os seus estudos de enxeñeiro agrónomo.
Tras varios anos de exercicio no ámbito da enxeñería, incorpórase á docencia universitaria no ano 2002. A súa actividade investigadora está avalada pola publicación de 15 artigos en revistas indexadas con índice de calidade relativo. Publicou ademais 17 artigos en revistas profesionais dirixidas aos usuarios finais no seu ámbito de actuación. Participou en 24 proxectos e contratos de investigación, sendo investigador principal en 5 deles (dos cales 3 correspóndense a convocatorias competitivas).
Durante estes anos de actividade docente o seu esforzo concentrouse na docencia da materia de proxectos en titulacións técnicas, na docencia de materias vinculadas coa Dirección de Proxectos en titulacións oficiais de máster, así como, na docencia en terceiro ciclo. Dirixiu 70 traballos fin de grao e máster, así como 2 Tese Doutoral.

Dr. Ángel CARRACEDO ÁLVAREZ, Dpto. de Ciencias Forenses, Anatomía Patolóxica, Xinecoloxía e Obstetricia e Pediatría, Universidade de Santiago de Compostela.

Catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago (USC). Director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS-Xunta de Galicia). Comité de dirección do CIBER de Enfermidades Raras (CIBERER). O grupo que dirixe (Medicina Xenómica) consta de máis de cen investigadores e varias plataformas tecnolóxicas.
Publicou 8 libros e máis de 800 artigos en revistas internacionais incluíndo numerosos artigos en Nature, Science, Cell, Nature Genetics, NEJM, ademais das principais revistas de xenética médica, cancro e medicina forense. As súas principais liñas de investigación actuais inclúen a xenética do cancro e das enfermidades psiquiátricas en idade infantil, as enfermidades raras e a farmacogenómica. Dirixe numerosos proxectos e consorcios nacionais e internacionais de investigación entre eles a acción estrutural IMPaCT base da estratexia de Medicina personalizada e a acción española do proxecto europeo de 1+Millón de Xenomas.
Dirixiu 105 Tese doutoral, todas coa máxima cualificación e 54 delas con Premio Extraordinario do Doutoramento. Recibiu numerosos premios entre os que destacan o Premio Rey Jaime I de investigación, Medalla Adelaida, Medalla Galien e a Medalla de Ouro de Galicia, entre outros moitos.
Doutor Honoris Causa por dez universidades de Europa e América. Membro de varias Academias a nivel nacional e internacional.

Don Jesús LAGOS MILLA, ORANGE.

Jesús é responsable de análise xeospacial, product owner da área de datos e responsable de visualización na área de empresas en Orange. Enxeñeiro de Montes pola UPV e Master Big Data Deportivo pola UCAM, con 15 anos de experiencia en áreas de Intelixencia de Negocio en empresas como Arvato services, PWC ou Orange (actualidade) como responsable de análise geospacial, product owner da área de datos e responsable de visualización na área de empresas.
Ademais, desarrollador de ferramentas enfocadas á análise estatística para o mundo do scouting no fútbol, colaborando con clubs como o Leeds United e máis de 40 colaboracións con clubs, direccións deportivas, analistas, corpos técnicos e axentes. Ademais, forma parte de claustros como en FSI Training, impartido clases e charlas en diversas institucións como Universidade Europea, ML Spain en Google Campus ou R-Hispano. Conxuntamente ao proxecto Obxectivo Analista abriu un track de formación para analistas de programación con R, análise táctica con datos e estatística para analistas (proximamente). A difusión por redes sociais é unha parte importante para achegar ao deporte a análise de datos, en twitter con @vdot_ spain e youtube co canle Planeta Data Fútbol.

Dr. José Ramón PICHEL CAMPOS, IMAXIN.

José Ramón Pichel Campos, naceu en Santiago de Compostela hai case 50 anos. É Doutor en enxeñería informática pola Universidade do País Vasco e enxeñeiro informático pola Universidade da Coruña.
Desde adolescente, cometeu o erro de comprar na Feira do Libro de Vigo un libro titulado "O Commodore64 como tradutor" que anos despois foi consciente do que influíu na súa vida. Xa na carreira de informática estivo moi interesado na Intelixencia Artificial, especialmente nas Redes de Neuronas Artificiais e tamén no Processamento de Linguagem Natural.
En 1997 foi un dos creadores de imaxin|software, unha empresa situada en Santiago de Compostela e focalizada no procesamento da linguaxe natural e nos videoxogos educativos (http://www.imaxin.com). Desde esta empresa desenvolveu nestes case 25 anos correctores ortográficos, gramaticais e de estilo, tradutores automáticos, dicionarios electrónicos, corpus, resumidores automáticos, etc, para diferentes idiomas, especialmente galego/portugués, castelán, catalán, francés e inglés.
Por último, en 2020, no ano da distancia social, defendeu paradógicamente na Universidade do País Vasco a súa tese doutoral sobre o cálculo da distancia automática entre linguas (referencias: www.lavozdegalicia.es, www.gciencia.com/).